Así fala Nemo, capitán do Nautilius no capítulo VIII da segunda parte de “20.000 leguas de viaxe submarina”: “Pois ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poda coñecer os seus segredos”. Que segredos? os tesouros que se perderon, para sempre?, na Batalla de Rande en outubro de 1702. Lonxe da ficción, Xulio Verne arriba a Vigo dúas veces, ambas de forma fortuita. En 1878, cando busca abrigo durante unha tempestade, e en 1884, por un problema na caldeira do seu barco. Para conmemorar o centenario da súa morte, o 17 de outubro de 2005, a Asociación de Mulleres Empresarias de Pontevedra donou a cidade olívica esta escultura de bronce de José Molares, que representa ao escritor francés sentado sobre os tentáculos dun monstro mariño.
Recomendamos a visita á páxina da Sociedade Jules Verne de Vigo que inclúe unha app para realizar unha ruta verniana: https://vigoverne.com/
Comments