Panel lateral esquerdo do baldaquino de Arcos de Furcos. Estamos ante unha peza elaborada, con seguridade, entre a 2ª metade do s. XV e a 1ª metade do s.XVI, momento no cal foron realizados a maior parte dos baldaquinos pétreos conservados en Galicia. Ademais, garda moito parecido co conservado en San Salvador de Meis, datado en 1543 e que conta coas mesmas escenas que este de Arcos, polo que podería ser unha obra do mesmo obradoiro. Como se pode apreciar, esta escena representa o Nacemento do neno Xesús, colocado sobre o berce de palla e na compaña dun boi e un asno. A escena está franqueada pola Virxe María á dereita e á esquerda un peregrín con baston, pois por esta parroquia pasaba unha variante do Camiño Portugués a Santiago. Crése que este representa a San Xosé. Na actualidade, atópase no adro da igrexa parroquial de San Breixo de Arcos de Furcos xunto cos dous paneis restantes (como se fosen un retablo), un altar e unha pía bautismal.
Comments